Sobe ladeira arriba, pasa pola esquerda da atalaia do Horto Redondo, cruza á estrada de Visuña e cando chega á atalaia das Penas Míllaras, torce á esquerda e baixa ó Carrozo de Muiñelo, este pasa preto do Castelo do carbedo e remata no Lor á altura de Esperante. Suponse que os romanos, sempre que coincidía, aproveitaron os encaixados leitos de ríos e regatos.
Non só a Mina da Toca, pódese dicir que na antigüidade, todo o Caurel foi unha gran mina. Ouro, prata, ferro, antimonio, estaño tungsteno,...foron transportados seguindo o curso dos ríos Navia e Lor-Sil-Miño ata o Mar Cantábrico e o Océano Atlántico, onde os pobos que se adicaban ó comercio tiñan as súas prazas. Inmensas cortas nos montes: Toca, Barreiro, Toribio, Millares, Taro Branco, Lampas, Visuña, Moreda Maior, Parada, Rogueira, Vieiros, Seara, Barrosas, Froxán, rendar, Barxa de Lor, Folgoso, Riocereixa, Pena do Seo, Faro, Formigueiros e Queixadoiro. Minas subterráneas: Santalla de Louzara, Bustofrio, Sobredo, Ferreirós e Folgoso. Nos leitos dos ríos: Lor, Selmo e Louzara. O meandro do Lor "cortado " do Castro de Megoxe. As augas turbas delataron ós nativos e os romanos non descansaron ata facerse cos filóns.
Ainda que pouco estudiado o macizo montañoso no que se atopa o Caurel conta con unha das maiores densidades do covas e castros de Galicia. recentemente encontraronse multitude de túmulos funerarios, aínda que a maioría foron barridos polas excavadoras que abriron os cortalumes seguindo os cerengos dos cordais dos montes. Na Cova do Oso de Moreda atopouse cerámica de máis de dez mil anos de antigüidade.