En O Courel aínda seguen co procedemento tradicional galego para face-las castañas pilongas.
A colleita dura dende setembro ata mediados de outubro, sendo polo Nadal a época de maior consumo. Chegado o tempo, abanéase o castiñeiro cunhas varas longas –taloura ou bareiro– para tira-lo ourizo que encerra de dúas a catro castañas. Logo de apañalas o antes posible para que non perdan peso e calidade, desourízanse para escolle-las grandes e redondas, aínda que hai veciños que as pasan por unha criba para clasificalas por calibres. Lévanse ó sequeiro para secalas e afúmanse un pouco ó lume manso duns chotos na caniceira- táboas estreitas e longas cunha separación de 1 cm que, penduradas do teito, deixan pasa-la calor sen que caian as castañas. A seca pode durar de 8 a 15 días. Ó quitalas do sequeiro faiseo bandoxo- límpanse a man para separa-la puxa –a tona de dentro e a de fóra– e os picois –as pequenas, de pouco valor, que están fendidas ou que teñen o verme chamado coco–. Outro xeito de face-lo bandoxo consiste en mete-las castañas do sequeiro en sacos e darlle golpes ou pisalos, o que se chama face-la bulla, que tamén se fai na provincia de Ourense. Dise que unha clase de castaña é boa se dá o tercio- de tres partes, en peso, que entran verdes no sequeiro recóllese unha seca. Noutros sitios de Galicia o procedemento tradicional é similar. Na industria aplícaselles un tratamento térmico para debullalas facilmente nas máquinas e logo conxélanse para outras preparacións.